Saturday 27 de April de 2024

No día de hoxe, venres 3 de marzo, o partido Nós Pobra deu unha rolda de prensa para a presentación da persoa que encabezará a súa candidatura e optará a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais deste ano 2023


No día de hoxe, venres 3 de marzo, o partido Nós Pobra deu unha rolda de prensa para a presentación da persoa que encabezará a súa candidatura e optará a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais deste ano 2023.

Participaron na rolda de prensa membros da coordinadora de Nós Pobra: Natalia Brión e Vicente Vázquez, unha das persoas que formará parte da candidatura, José Carlos Vidal, a concelleira de Nós Pobra, Estefanía Ramos e o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro.
Natalia Brión, como membro da coordinadora de Nós Pobra, fixo a primeira intervención informando do obxectivo da rolda de prensa que foi dar a coñecer o noso proceso interno de elección da candidatura e da persoa que a encabezará, ademais foi a encargada de presentar ós compañeiros e compañeiras que participaron na rolda de prensa.

A continuación tomou a palabra Vicente Vázquez, que explicou o proceso interno das votacións á candidatura, resaltando que se trata de un procedemento extremadamente democrático no que cada persoa que pertence á asemblea pode votar e ó mesmo tempo pode ser elixida como representante e formar parte da lista e mesmo encabezar a candidatura.

Para a elección da persoa candidata emprégase un sistema de dúas voltas, na primeira escóllense as dúas persoas que serán elixibles na segunda volta. O resultado foi que Xosé Lois Piñeiro recibiu 24 votos das 29 persoas presentes Estefanía Ramos 21, pois nesta primeira rolda pode votarse por máis dunha persoa. A segunda volta non foi necesaria porque Estefanía Ramos retirouse amosando o seu total apoio ao que xa nese momento se proclamaba candidato de Nós Pobra á alcaldía, Xosé Lois Piñeiro.

A concelleira Estefanía Ramos explicou que Nós Pobra atópase realizando unha rolda de asembleas veciñais e reunións sectoriais coa finalidade de elaborar un programa electoral participativo. Comezaron o pasado 16 de febreiro na Ribeiriña e percorrerán tódolos centros sociais do concello, estiveron esta semana en San Isidro, A Angustia, O Campiño e teñen previsto tamén facelas para a veciñanza do centro urbano no Auditorio Valle-Inclán, no Camiño Ancho, en Santa Cruz, no Maño e na Ponte Barbanza en vindeiras datas.

En canto ás reunións sectoriais comezaron o pasado luns coa reunión co sector do deporte e continuarán reuníndose con sectores como o do mar, a hostalería, o comercio, a comunidade educativa, etc.
A concelleira recalcou a importancia da participación veciñal na vida política da vila e sinalou que a elaboración dun programa participativo é unha das sinais de identidade de Nós Pobra, e recorda que o vindeiro sábado 4 de marzo ás 19.00h terá lugar a asemblea veciñal para os veciños e veciñas do casco urbano, no auditorio do museo Valle-Inclán.
José Carlos Vidal, sinalou na súa intervención que o acto máis importante de toda a precampaña e campaña vai ser o vindeiro 15 de abril no Teatro Cine Elma, será neste acto no que se dará a coñecer o programa electoral, froito de todo este traballo participativo, e a candidatura completa de Nós Pobra, que se presentará como un equipo preparado para gobernar o noso concello.
Finalmente fixo a súa intervención o candidato á alcaldía,Xosé Lois Piñeiro, que dixo sentirse respaldado unha vez máis pola asemblea de Nós Pobra, que dentro de un proceso tan limpo e democrático no que calquera dos membros da asemblea pode ser elixido, contou unha vez máis co apoio maioritario dos seus compañeiros e compañeiras. Agradeceu moi especialmente o xesto de Estefanía Ramos de retirarse para a segunda volta, tal como fixo Charo Varela fai catro anos. Sentir ese respaldo da persoa que vai ser a número dous é moi importante para a seguridade e confianza da persoa que encabece a candidatura. Tivo palabras de agradecemento para as dúas compañeiras.
Comentou que os dous primeiros mandatos foron moi complicados, un primeiro en minoría que conseguiron sacar adiante só con catro persoas e significou un gran esforzo e un excelente traballo por parte de todas elas, e un segundo no que a conformación do tripartito chegou máis tarde do que debería e no que foi preciso facer fronte a dúas crises, primeiro unha sanitaria provocada pola Covid-19 e logo outra económica causada pola propia pandemia e os efectos da guerra en Ucraína. Expresou o seu desexo de que o resultado das vindeiras eleccións municipais volvan a situar a Nós Pobra dirixindo o goberno municipal, con maioría absoluta ou cun pacto estable de goberno, sen crises nen pandemias, para poder centrarse no desenvolvemento de proxectos transformadores e que melloren a calidade de vida e a situación socioeconómica da vila.
Finalmente insistiu na importancia que ten o acto de presentación do programa e da candidatura o vindeiro 15 de abril, xa que Nós Pobra non é en absoluto unha organización presidencialista, senón que está formada por unha asemblea participativa e con verdadeira capacidade de decisión.